Escoba - Devlog #00
Unha breve introdución e unha promesa a futuro
Hai case dous anos, tras participar na Kenney Jam de 2024 cunhe amigue (videoxogo aquí), nunha viaxe a Portugal ocorríuseme unha idea perfecta para un videoxogo multixogador, en principio sinxeliño de facer. Colles o mellor xogo tradicional de cartas existente (a escoba), colles o mellor videoxogo non tradicional de cartas existente (o Balatro) e xuntas ambos. De aí sacas un party game bastante divertido para xogar de cando en vez e pasalo ben coa túa xente querida.
Esta idea intentei implementala xa unha vez o ano pasado en Godot, como escusa para aprender o motor. Non funcionou. Metinme de cabeza a este proxecto, sen facer ningunha proba antes, e abrumoume tanto a complexidade da ferramenta que desistín practicamente ó momento (non sen antes aprenderb algúns fun facts sobre a baralla española1). Aínda así, seguín dándolle voltas á idea durante todo este tempo, porque me pareceu un concepto bastante interesante.
Hai pouco descubrín da existencia de Raylib, unha libraría de C para videoxogos cun enfoque na simplicidade. Useina para un visualizador de nubes de puntos que tiven que desenvolver, e a verdade é que quedei namorado dela, o visualizador estaba funcionando ós 3 días con practicamente todo o que quería sen moito esforzo pola miña parte. Así que agora, que teño máis tempo libre que antes, decidín por fin poñerme con este proxecto de videoxogo. E como descubrín esta plataforma de blogs, que mellor xeito de forzarme a rematar o xogo que contándolle o seu desenvolvemento ó mundo enteiro?
Polo tanto, o plan é este: tirar eu pouco a pouco, sen queimarme, co videoxogo; ir escribindo de cando en vez algún novo devlog para informar de como vai o asunto e esperar que, dentro dun tempo, exista algo que se aproxime á idea que tiña eu na cabeza. O plan é máis adiante facelo de código aberto, en principio, pero ata entón aínda queda bastante. Polo de agora só hai unha ventana en verde tapete cunha baralla en orde aleatoria. Aínda lle falta moito.
Se lembrades o deseño dos naipes, lembraredes que tódalas figuras teñen un rectángulo que as rodea. Este rectángulo é distinto dependendo do pau: os ouros teñen o rectángulo completo, as copas un oco tanto na parte superior como na inferior, as espadas dous ocos e os bastos tres. Isto é debido a que, a diferenza da baralla francesa, as figuras da española non son simétricas e non teñen o pau indicado debaixo do número. Desta forma, pódese saber o pau dunha carta aínda que teña o debuxo completamente cuberto.↩