frd's blog

O momento que máis me gustou de Outer Wilds

Primeiro de todo, quero avisar de que este artigo vai ter spoilers da historia. Ó ser un xogo centrado na exploración, onde o coñecemento é a chave que abre tódalas portas que en principio parecen pechadas, creo que a forma ideal de acercarse a el para disfrutalo implica saber o mínimo posible, así que se ti, lector, tes pensado nalgún momento xogalo, recoméndoche parar aquí e volver máis adiante.

Teño que dicir que Outer Wilds non me cambiou a vida. Non é un xogo que me impactase do xeito que parece que impactou a tantas outras persoas. Pero o que si que é é un xogo moi coidado, cheo de detalles alí onde importa, que lle dan vida a un universo nos seus derradeiros estertores, unha sensación de estar habitado e, sobre todo, de estar vivido. Un universo onde é fácil imaxinarse como era a civilización nomai no seu momento álxido, coas súas cidades e as súas megaestruturas, as súas minas e os seus xardíns, as súas escolas e os seus fogares.

Nas miñas primeiras expedicións non me aventurei moi a fondo en ningún dos planetas, estiven dando voltas arredor de todos, familiarizándome cos controis da nave e o deseño tan alieníxena (heh) para min deste videoxogo. Pero nunha delas, bordeando os planetas xemelgos, vin a baliza dunha cápsula de escape alzándose como unha columna de luz á atmosfera de Ember Twin, e non puiden resistir explorar este novo misterio. Así que seguín as indicacións escritas por persoas esquecidas hai eóns e cheguei á cidade sen sol, a primeira das cidades nomai que descubrín.

Estiven explorando a cidade durante varias expedicións (aínda a día de hoxe me queda por descubrir algunha cousa, segundo o log da nave!) e, nunha delas, atopei unha especie de ventá que deixaba ver ó outro lado o cadáver dun peixe abisal xigante, cunha espiral de texto brillando en azul no chan, chamando claramente ó xogador, dicindo "isto é máis que un decorado, aquí hai información que é do teu interese". Así que me picou aínda máis a curiosidade, e explorei a contrarreloxo a cidade (como me gustaría ás veces poder parar a caída da area), buscando como conseguir entrar a esa caverna. Resolver o puzzle foi relativamente sinxelo, hai varios textos de nenos indicándote o camiño, e comentando que van alí xogar cos seus amigos a unha especie de escondite ou pilla pilla.

Unha vez dentro da caverna xa se pode ler ese fragmento de texto, que fala de como os peixeis abisais parecen ser cegos, así que se guían polo son para atrapar as súas víctimas (información moi necesaria para aqueles que queiran explorar o inferno de planeta que é Dark Bramble). Pero isto non é o importante desta caverna. Non é o que me impactou, o que me fixo entender por primeira vez por que tanta xente ten este videoxogo en tan alta estima. Na caverna, ademais do cadáver do peixe abisal, hai varios cadáveres nomai. E isto estrañoume. Xa atopara antes máis restos nomai, pero sempre pensei que eran de exploradores que, por A ou por B, acabaran chegando antes de tempo ó fin das súas vidas. Pero estes cadáveres non podían ser exploradores nomai, non en medio dunha caverna onde xogaban nenos. Non ó lado da cidade nomai. Había obxectos alieníxenas xunto os cadáveres, obxectos que non podían ser outra cousa máis que xoguetes. Eses cadáveres eran de nenos nomai.

Para min, foi aquí onde se abriu o xogo de verdade, onde acabou de ensinarme a man coa que estaba xogando, neste momento tan pequeno que seguramente foi pasado por alto por moitos outros xogadores. Si, tes que buscar o xeito de salvar o universo. Pero tal vez o teu rol máis importante é o de arqueólogo. Traer á vida unha civilización desaparecida. Atopar a resposta a preguntas máis acuciantes que o fin do mundo. Por que hai nenos que quedaron sen rematar o seu xogo? Por que, noutra das cidades, podes ver unha aula chea de esqueletos en medio dunha lección sen fin? Colapsou a civilización nomai debido á súa busca do ollo? Foi unha obsesión relixiosa febril a que os levou á extinción ou se produciu algún tipo de cataclismo descoñecido a nivel planetario?

Cando pense en Outer Wilds e na súa historia, este momento tan bonito, tan triste, vai ser dos primeiros que se me veñan á cabeza.

Post scriptum

Gústame pensar que o sinal que escoitaron os nomai provinte do ollo do universo era música. Que o universo do xogo se iniciou igual que rematou, con vellos e novos amigos, todos eles tocando xuntos arredor dunha fogueira. Que a música é o tecido conector do universo. Sen música, acaso estamos vivos?

Post-post scriptum

Tiven que correxirme todo o tempo durante este artigo, xa que estaba escribindo sempre "ollo do mundo" no canto de "ollo do universo". Teño que rematar de ler a saga da roda do tempo.

#pensamentos #videoxogos